top of page

OS NOSOS GALIHITS

"Os nosos Galihits" é unha das varias iniciativas levadas a cabo polo EDLG para este curso co fin de dinamizar o uso do galego entre o alumnado do centro e facer partícipe a este da variedade musical que hai na nosa lingua. 

​

Cada semana escoitaranse fragmentos de dúas cancións en lingua galega pola megafonía do centro ás horas de entrada, recreo e saída das clases. Neste espazo do blogue iremos compartindo as cancións que soen semana a semana.

Estou na lavadora - O caimán do río Tea

O primeiro "galihit" fíxose moi famoso fai uns anos xa por tratarse dunha das melodías máis recoñecidas do programa infantil e xuvenil da TVG "Xabarín Club". Está cantado por 'O Caimán do río Tea', un grupo galego de música con influencias do pop, rock e ska.

 

Este grupo estivo activo entre os anos 1991 e 1998 e logo tivo un pequeno regreso alá polo 2013. Foi un dos grupos que formou parte do movemento bravú, un movemento musical e cultural galego conformado por varios grupos musicais de estilos heteroxéneos e que tiñan en común o seu orgullo pola lingua e cultura galega. Esta peza é un das cancións máis recoñecidas do repertorio da formación.

​

Fontes: https://lafonoteca.net/grupos/o-caiman-do-rio-tea

​

Como eu canto - Sés

O segundo "galihit" que vos traemos é unha das obras máis recoñecidas de Sés. Sés é unha cantautora  galega que viste as súas cancións de blues, rock e sons latinoamericanos. Aínda que comezou a súa andadura na música varios anos antes, no 2011 gravou o seu primeiro traballo discográfico e na actualidade xa conta con seis discos no seu haber. 

​

Con centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza e parte do extranxeiro ás súas costas, aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.

​

Como curiosidade, dos 20 artistas galegos máis escoitados na plataforma dixital Spotify, pode presumir de ser unha das poucas que cantan en galego.

​

Fontes: http://ses.gal/

​

Oda ao futbolín - Os Diplomáticos de Monte Alto

O primeiro galihit da segunda semana é outra canción moi recoñecida por formar parte do repertorio do "Xabarín Club". Esta peza é obra dos "Diplomáticos de Monte Alto", un grupo de rock formado na cidade de A Coruña capital dentro da escena musical galega.

 

Foron os máximos responsábeis do movemento musical galego bravú dos 90 anos. Izaron a bandeira do rock popular galego a base de ska incendiario, punk rural y folk revitalizado.

 

Nesta "Oda ao fútbolín" réndenlle homenaxe a Alexandre de Fisterra, un xenio galego nado na 'Costa da Morte' que inventou o futbolín e moitas máis cousas, coma un pasafollas mecánico para pianistas. Tamén foi poeta e editou obras doutros escritores, principalmente exiliados. Foi proposto como membro da RAG en 1967 estando en México e seguíu pertencendo a ela  tras retornar a España en 1976.

​

Fontes: http://lafonoteca.net/grupos/os-diplomaticos-de-monte-alto; https://www.adiantegalicia.es/reportaxes/2017/01/24/alejandro-finisterre-mucho-mas-que-el-inventor-del-futbolin.html

Grazas a ti - Monoulious DOP

O segundo galihit desta segunda semana trátase dunha canción que forma parte do recopilatorio ´Chis pum´dos Bolechas. Os Bolechas, creación do coñecido ilustrador e deseñador galego Pepe Carreiro alá polo 2000, son un referente cultural en Galicia na actualidade, coa súa serie de televisión, os espectáculos de muppets, os discos etc.

​

A súa canción "Grazas a ti" corre a cargo dos Monoulious DOP, unha banda musical en clave de rock nada en Noia no ano 2012. O que ao principio ía ser un proxecto único e exclusivo para internet converteuse nalgo máis polo gran auxe que tiveron nas redes sociais. No 2017 publicaron o seu primeiro disco e actualmente atópanse gravando o que será o seu segundo traballo. Mentres tanto, arrasan nos seus concertos pola xeografía galega grazas aos seus ritmos pegadizos e con retranca. 

​

Fontes: https://www.osbolechas.gal/; 

https://www.festadacarballeira.com/monoulious-dop/?lang=es

Non todo é o que parece - Aerolíneas Federales

"Non todo é o que parece" é o tema seleccionado para comezar esta terceira semana de "Galihits" no cole. Trátase doutra canción que tamén se fixo popular hai uns anos no Xabarín Club da TVG.

​

É obra de "Aerolíneas federales", un grupo musical pop rock con aires punk nado en Vigo alá polo ano 1981. Gravaron 5 discos e del formaron parte recoñecidos artistas galegos como Miguel Costas (despois integrante de Siniestro total) ou Silvia Superstar (de Killer Barbies), entre outros, os cales xa actuaron algunha vez no festival "Rock in Cambre" que se celebra cada verán no noso pobo.

 

A maiores desta, contan con varias cancións recoñecidas en galego. 

​

Fontes: http://lafonoteca.net/grupos/aerolineas-federales

Volver a crer - Grupo Nazaret

"Volver a crer" é o segundo Galihit da terceira semana e a súa autoría corre a cargo do Grupo Nazaret, unha das múltiples formacións en activo da verbena galega.

 

Esta canción ten unha fermosa historia tras de si. Ademáis de ser a canción principal da formación na xira deste anterior verán, a peza foi composta para ser adicada aos avós mais aos pobos galegos e incentivar aos máis novos a non deixar morrer as nosas aldeas, tradicións rurais, festas, etc.  Pero a cousa non quedou aí, o grupo decidíu buscar unha celebración emblemática da nosa terra que levase anos sen celebrarse para revivila. A festa elixida foi a Romería de San Wintyla en Punxín (Ourense) e o grupo actuou nun palco de pedra como os de antano.

​

Co obxectivo de non deixar morrer a nosa lingua, dende aquí lanzamos unha proposta ás demáis formacións da verbena galega (ademáis da propia Nazaret): que non deixen de lado a posibilidade de compoñer algunha canción en galego, unha práctica tan pouco habitual hoxe en día neste tipo de formacións.

​

Fontes: http://www.gruponazaret.com/

​

Terra de loitadores - Susana Seivane

"Terra de Loitadores" é o novo Galihit ao que facemos referencia neste espazo. Esta peza musical é obra dunha das gaiteiras máis recoñecidas do panorama galego e, ademáis, veciña nosa. Aínda que naceu en Barcelona, veu vivir coa súa familia a Cambre cando era moi noviña. 

​

Susana é a herdeira da familia Seivane, unha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Comenzou a súa andaina musical ó cumprir tres anos de idade. Da man do seu pai Álvaro Seivane e influenciada por mestres gaiteiros como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas, conseguíu o respecto e admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galicia. 

​

Como curiosidade, no ano 2001 resultou unha das cinco finalistas dos Indie Awards, os prestixiosos premios que cada ano outorga a Asociación de Música Independente de E.E.U.U. (AFIM), na categoría de mellor artista de Músicas Contemporáneas do Mundo.

​

Conta con cinco traballos discográficos. O último deles data do 2018.

​

Fontes: http://www.susanaseivane.net/

​

Catro vellos mariñeiros - Bastards on parade

O novo Galihit que vos amosamos neste espazo trátase dunha versión punk-rock actual da clásica canción popular galega "Catro vellos mariñeiros".

​

A peza musical é obra do grupo Bastards on parade, que naceu fai 12 anos en Cambre e está integrada, entre outros, por varios veciños do noso municipio. É máis, como dato curioso podemos engadir que un dos seus integrantes foi profe de prácticas no noso cole non hai moitos cursos.

​

A banda combina o punk-rock coas raíces celtas. Contan xa con tres discos no seu haber (o último integramente en galego) e poden presumir de participaren nos principais circuitos de salas de toda Europa e festivais máis punteiros a nivel nacional e internacional.

​

Este ano foron un dos principais atractivos do festival "Rock in Cambre" que se celebra no noso pobo.

​

Fontes: http://www.malditodigital.com/mostrar-grupo.php?grupo=366

​

bottom of page